Estatutos

Capítulo I
Da asociación en xeral

Artigo 1 – Denominación

1.– Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación: «Irmandade dos Apañacastañas». poderá usarse tanto nos presentes estatutos como en comunicacións internas os nomes abreviados de «Irmandade», ou de «Os Apañacastañas».

2.– A asociación rexerase por estes estatutos, polas normas internas previstas nos mesmos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, polos decretos 336/1996, do 13 de setembro e 276/1997, do 25 de setembro da Xunta de Galicia; polo Real Decreto 1497/2003, do 28 de novembro; e pola demais lexislación en materia de asociacións que lle sexa aplicábel en cada momento.

Artigo 2 – Domicilio social

1.– A asociación, no momento da súa constitución, non ten domicilio de seu, polo que a efectos de comunicacións usaranse os seguintes enderezos:

a) Domicilio postal: Apartado de correos 7070 – 15002 da Coruña.
b) Enderezo electrónico: irmandade@apalpador.com.
c) Domicilio social inicial: (non se publica en cumplimento da LPD por ser o particular do presidente fundador)

2.– No momento en que a Irmandade dispoña de local, ben en propiedade, aluguer ou cesión, ou no caso de calquera outro cambio de domicilio, facúltase á Xunta Irmandiña para actualizalo onde sexa necesario, incluíndo o Rexistro de Asociacións.

3.– Poderán abrirse outros locais en diferentes puntos da xeografía cando así o acorde a Xunta Irmandiña, que estará facultada para dar conta do acordo no Rexistro de Asociacións.

Artigo 3 – Ámbito de actuación

A Irmandade exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial de Galiza.

Artigo 4 – Duración e ordeamento xurídico

1.– A Irmandade constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

2.– A Irmandade rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5 – Fins e actividades da Irmandade

1.– Os fins da Irmandade dos Apañacastañas son:

a) O espallamento e difusión da figura do Apalpador.
b) O espallamento e difusión da tradición da Noite do Apalpadoiro.
c) Promover o coñecemento e recuperación dos costumes, tradicións e xeito de vida do rural galego, e nomeadamente da comarca do Courel.
d) Promover a formación infantil nos valores máis positivos da nosa tradición, e nomeadamente na lingua e a cultura galegas.
e) Promover a revalorización dos xogos populares, os que fomenten a igualdade entre homes e mulleres, os non discriminativos, os non belicistas e os de tipo artesanal que dean valor ao traballo humano por riba do das máquinas.
f) Promover a creación da Fundación O Apalpador.

2.– Para levar a cabo os seus fins, A Irmandade dos Apañacastañas poderá organizar as seguintes actividades:

a) Colaborar con entidades públicas e privadas co obxectivo de difundir o coñecemento e recuperación da tradición do Apalpador e da Noite do Apalpadoiro.
b) Organizar, soa ou en colaboración con outras entidades, concursos, certámenes, desfiles, actuacións e todo tipo de actividades lúdico-festivas e de entretenemento para as nenas e nenos.
c) Organizar acampamentos e actividades ao aire libre no Courel par dar a coñecer a zona de desenvolvemento do Apalpador, de acordo co Decreto 223/1996, do 30 de maio, polo que se regulan as actividades ao aire libre dirixidas á xuventude no territorio da Comunidade galega e co resto da normativa vixente que lle sexa de aplicación en cada momento. Todas as actividades sempre dirixidas por personal técnico coa titulación establecida polo Decreto 31 3/1995, do 23 de novembro e posteriores que lle fosen de aplicación.
d) Desenvolver xunto cos comerciantes e as súas asociacións, métodos de promoción do Apalpador co obxectivo de extensión e consolidación da tradición da Noite do Apalpadoiro como a noite do intercambio de agasallos no Nadal.
e) Editar ou coeditar todo tipo de material impreso que poida contribuír aos fins da Irmandade, nomeadamente: libros, folletos, carteis, adhesivos etc.
f) Crear, editar e distribuír, soa ou en colaboración, xogos, xoguetes e material diverso asociado á figura do Apalpador, destinados principalmente á infancia.
g) Manter o sitio web do Apalpador http://www.apalpador.com así como os dominios adscritos a el e os demais medios que sexan necesarios adquirir nun futuro para o mellor funcionamento da Irmandade.
h) Contratar a cantas persoas, entidades, servizos ou medios materiais sexan necesarios para cumprir cos fins da Irmandade, ben por tempo parcial, total ou indefinido conforme á lexislación vixente.
i) Crear o clube infantil «Amigos do Apalpador» para menores de 14 anos consonte á Lei orgánica 1/1996 de Protección Xurídica do Menor, á Lei orgánica 15/1999 de Protección de Datos e ao resto de normativas aplicabeis ao rexistro e tratamento de datos infantís.
l) Todo o que, sin especificar aliña, sexa necesario para cumprir cos fins da entidade co mellor criterio social e económico posíbel. Mantendo sempre a prioridade do ben infantil sobre calquera outro que se lle puidera opor.

3.– Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Capítulo II
Dos asociados

Artigo 6 – Condición de asociado

1.– Poderán ser socios da Irmandade todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar, e as persoas xurídicas, tras o acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa Irmandade e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser galego, residente en Galiza ou, de non selo, manifestar un interese indubidábel na recuperación do Apalpador e calquera dos fins da asociación.
b) Para as persoas xurídicas, ter a súa sede social en Galiza.

2.– Os acordos de admisión de asociadas e asociados tomaraos a Xunta Irmandiña, unha vez recibida a petición a través da páxina web establecida ao efecto ou ben por escrito da persoa que desexa ser admitida, enviado tanto postalmente como por correo electrónico.

Artigo 7 – Clases

Dentro da Irmandade poderán existir as seguintes clases de asociados:

a) Apañacastañas: son aquelas persoas físicas ou xurídicas que se asocian sen compromiso de participación na organización. Pola súa propia concepción non poden formar parte dos organos de goberno da Irmandade e non teñen obriga de aboar cotas. Poderán no entanto ser convidados ás asembleas e súa voz poderá ser oída nas mesmas.
b) Irmandiñas/os: son as persoas físiscas que se asocian con compromiso, con aboamento da cota establecida e que poden formar parte dos organos de goberno da Irmandade.
c) Irmandiñas/os de honra: son as persoas físicas ou xurídicas que a xuízo da Irmandade colaboren de xeito excepcional coa mesma. Están exentas do aboamento de cotas e non poderán formar parte dos órganos de goberno da Irmandade.
d) Entidades Irmandiñas: son as persoas xurídicas que se asocian como protectoras da Irmandade. A súa achega consistirá nun patrocinio voluntario ben de carácter económico ou de calquera outro xeito aceptábel pola Xunta Irmandiña. Non poden formar parte dos órganos de goberno da Irmandade, mais poderán ser convidadas ás asembleas, e a súa voz poderá ser oída nas mesmas.

Artigo 8 – Baixas

1.– A condición de socio da Irmandade, sexa cal sexa a clase, pérdese:

a) Por vontade propia.
b) Por suplantación da identidade ou da representatividade doutro membro sempre que a tal suplantación mudase o resultado dunha votación, dun acordo, ou tivese calquera outra consecuencia negativa para a Irmandade. Abrirase en todo caso expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
c) Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente aos intereses da Irmandade, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
d) Por falecemento da persoa física ou extinción da xurídica.

2.– A condición de Irmandiña/o pérdese ademais:

a) Por falta de pago de 4 cotas, pasando directamente a ser Apañacastañas se non se indica o contrario. Este procedemento non supón expulsión da Irmandade, polo que é administrativo e non será necesaria a decisión da Xunta Irmandiña nin da Asemblea Xeral. A irmandiña/o será notificada/o previamente ao seu paso á condición de Apañacastañas para que poida repor as cotas en débeda ou decidir se quere ou non manter a condición de asociada/o.

Poderá recuperarse a condición de Irmandiña/o por aboamento das cotas impagadas sempre que o tal período de impago non exceda dos dous anos. No caso de manifestar a non aceptación do paso a Apañacastañas entenderase a baixa como por vontade propia (Capitulo II, artigo 8.1.a. dos presentes estatutos).
3.– A condición de Entidade Irmandiña pérdese ademais:

a) Por omisión do patrocinio, pasando directamente a ser Apañacastañas se non se indica o contrario. Este procedemento non supón expulsión da Irmandade, polo que é administrativo e non será necesaria a decisión da Xunta Irmandiña nin da Asemblea Xeral. O cambio de condición de asociado será comunicado previamente á entidade para a súa aceptación ou non. No caso de manifestar a non aceptación do paso a Apañacastañas entenderase a baixa como por vontade propia (Capitulo II, artigo 8.1.a. dos presentes estatutos).

4.– Os cesamentos por vontade propia ou falecemento-extinción serán administrativos, non tendo necesidade de acordos da Xunta Irmandiña nin Asemblea Xeral. A expulsión tanto de Irmandiños como de Apañacastañas será acordada pola Xunta Irmandiña, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer en reposición ante a propia Asemblea Xeral e, de seguir en desacordo, ante á xurisdición ordinaria nos xulgados da cidade da Coruña, renunciando expresamente os asociados de calquera clase a outra xurisdición ou foro particular ao que tivese dereito.

Artigo 9 – Dereitos

1.– As/os Apañacastañas teñen os seguintes dereitos:

a) Participar nas actividades da Irmandade e asistir á asemblea xeral no caso de seren convidadas/os pola Xunta Irmandiña.
b) Ser informada/o da composición dos órganos de goberno e representación da Irmandade e do desenvolvemento da súa actividade.
c) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra ela/el e ser informada/o dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.

2.– As/os Irmandiñas/os teñen os seguintes dereitos dentro da Irmandade:

a) Participar nas actividades da Irmandade e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
b) Ser informada/o da composición dos órganos de goberno e representación da Irmandade, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
c) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra ela/el e ser informada/o dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
d) Impugnar os acordos dos órganos da Irmandade que estime contrarios á lei ou aos estatutos.

3.– As/os Irmandiñas/os de honra non interveñen na dirección da Irmandade nin nos órganos de representación dela, mais estarán facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, mais sen voto.

4.– As Entidades Irmandiñas non interveñen na dirección da Irmandade nin nos órganos de representación dela, mais poderán asistir representantes de cada unha delas ás asembleas xerais con voz, mais sen voto.

Artigo 10 – Obrigas

1.– Son obrigas dos membros da Irmandade:

a) Compartir as finalidades da Irmandade e colaborar para a súa consecución.
b) Pagar as cotas que se establezan.
c) Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Irmandade.
e) Acatar o contido dos estatutos.
f) Ter unha boa conducta individual e cívica.

2.– Polas súas propias características os Apañacastañas, os Irmandiños de honra e mais as Entidades Irmandiñas están exentos dos puntos aliña «b» e «c».

 

Capítulo III
Dos órganos da Irmandade

Artigo 11 – Dirección e administración

A dirección e administración da Irmandade serán exercidas pola/o presidenta/e, a Xunta Irmandiña e a Asemblea Xeral.

Artigo 12 – Presidencia

1.– A/o presidenta/e da Irmandade será designada/o pola Asemblea Xeral entre as/os irmandiñas/os que teñan unha antigüidade superior aos 2 anos, agás loxicamente nos dous primeiros anos da Irmandade. O seu mandato durará 5 anos. Será asistida/o nas súas funcións por unha/un vicepresidenta/e, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2.– A/o presidenta/e terá as seguintes atribucións:

a) Representar a Irmandade perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Irmandiña; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executar os acordos adoptados pola Xunta Irmandiña e a Asemblea Xeral.
d) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da Irmandade xunto coa/co secretaria/o, tesoureira/o ou membro da Xunta Irmandiña a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13 – Xunta Irmandiña

1.– A Xunta Irmandiña estará formada pola/o presidenta/e da Irmandade, unha/un vicepresidenta/e, unha/un secretaria/o, unha/un tesoureira/o e un número de vogais que establecerá a Asemblea Xeral segundo o número dos membros da Irmandade. En ningún caso a representación de vogais será superior ao dez por cento (10%) da totalidade dos socios.

2.– O cargo de presidenta/e non poderá ser coincidente con ningún outro. Os de secretaria/o, tesoureira/o e vicepresidenta/e poderán ser coincidentes entre sí, mais os tres deberán recaír cando menos en 2 persoas.

3.– Os cargos que compoñen a Xunta Irmandiña serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Irmandade.

4.– As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Irmandade.

Artigo 14 – Elección dos membros da Xunta Irmandiña

1.– A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos da Xunta Irmandiña. A súa duración será por un período de 5 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

2.– Os cargos cesarán na súa función por:

a) Falecemento da persoa física.
b) Renuncia voluntaria.
c) Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) Acordo de cesamento de toda a Xunta Irmandiña adoptado por 2/3 dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

3.– A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.

4.– As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Irmandiña, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros até a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Irmandiña debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidenta/e, secretaria/o e tesoureira/o.

Artigo 15 – Atribucións da Xunta Irmandiña

1.– A Xunta Irmandiña terá as seguintes atribucións:

a) Programar e dirixir as actividades asociativas.
b) Levar a xestión administrativa e económica da Irmandade.
c) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
d) Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
e) Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
f) Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Irmandade.
g) Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
h) Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
i) Propoñer o plan de actividades da Irmandade á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
l) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
m) Comunicar os cambios ou altas de domicilios sociais da Irmandade nos organismos necesarios e nomeadamente no Rexistro de Asociacións.
n) Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da Irmandade.

Artigo 16 – Convocatorias da Xunta Irmandiña

1.– 1.- A Xunta Irmandiña será convocada pola/o presidenta/e, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

2.– Para que os acordos da Xunta Irmandiña sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, da/o presidenta/e ou vicepresidenta/e e a/o secretaria/o ou persoa que o substitúa.

3.– A/o secretaria/o ou, no seu defecto, o vogal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.

Artigo 17 – Comisións

Os membros da Xunta Irmandiña presidirán as comisións que a mesma acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das devanditas comisións o número de asociadas/os que acorde a Xunta Irmandiña, a proposta das súas respectivas presidentas/es.

Artigo 18 – A Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da Irmandade e estará formada por todas/os as/os irmandiñas/os. A/o presidenta/e e a/o secretaria/o da Asemblea Xeral serán a/o presidenta/e e a/o secretaria/o da Xunta Irmandiña.

Artigo 19 – Convocatorias da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Irmandiña, ou o soliciten o 20% dos irmandiños. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido á/ao presidenta/e, coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 20 – Concepto de asistencia

1.– Polas súas características a Irmandade prevé ter os seus asociados en lugares moi dispersos e co fin de aforrarlles custos aos mesmos e mais a asociación, bótaráse man das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, polo que para todo o disposto nestes estatutos e mais no artigo 12 de Réxime interno, apartado «c» da Lei orgánica do Dereito de Asociación 1/2002 establécese que:

a) Entenderase como asistencia ou concorrencia, ademais da propia comparecencia física no recinto onde está a presidencia, calquera simultaneidade que se produza a través dalgún medio de comunicación que a xuízo da Xunta Irmandiña garanta a identidade dos asistentes.
b) As reunións da Asemblea Xeral, tanto ordinaria como extraordinaria poderán ser non presenciais.
c) O exposto nos apartados aliña «a» e «b», por conclusión, afectará tanto aos quorums como aos porcentaxes que se esixan nos presentes estatutos e mais no resto da normativa vixente. Ambos os dous se establecerán tendo en conta estes criterios.

2.– Tendo en conta que a suplantación da identidade dun asociado en calquera reunión non presencial vulnera o artigo 401 do Código Penal, Lei orgánica 10/1995 (capitulo IV. Da usurpación do estado civil) e o seu resultado os artigos 392 e 395 da mesma lei, a Irmandade poderá afastar aos socios e cesalos nos seus cargos de xeito inmediato e previo ao inicio do expediente disciplinario. Así mesmo poderá emprender as accións legais contra estes ou contra calquera outra persoa non asociada que polo descrito neste parágrafo prexudicasen de calquera xeito á Irmandade.

Artigo 21 – Convocatorias das Asembleas Xerais

1.– A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no primeiro trimestre do ano natural. As asembleas tanto ordinarias como a extraordinarias serán convocadas con 15 días de antelación pola/o presidenta/e da Xunta Irmandiña.

2.– A notificación para as asembleas ordinarias farase por correo electrónico, por teléfono e mais por correo postal indistintamente. Asi mesmo anuciarase no sitio web e, no caso de dispor de locais da Irmandade, en sitio visibeis dos mesmos.

3.– Para a celebración das asembleas extraordinarias garantirase o coñecemento da convocatoria por parte de todos os irmandiños para o que se lles fará chegar a mesma con sistemas con acuse de recibo ou por medio de comunicación telefónica directa. Para este último método reuniranse cando menos dous membros da Xunta Irmandiña que sexan quen de identificar á persoa a informar e anotarán data e hora da comunicación.

Artigo 22 – Competencias da Asemblea Xeral Ordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

a) Aprobar o plan de actividades.
b) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
c) Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
d) Exame e aprobación das cotas.

 

Artigo 23 – Competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

a) Modificar os estatutos da Irmandade.
b) Elixir e cesar os integrantes da Xunta Irmandiña.
c) Aprobar a federación con outras Asociacións.
d) Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
e) Acordar a disolución da Irmandade.
f) Designar as/os liquidadoras/es.
g) Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Irmandiña.
h) Solicitar a declaración de utilidade pública da Irmandade.
i) Aprobar o regulamento de réxime interno da Irmandade.
l) Todas as que sendo de competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non deban agardar a súa convocatoria, sen prexuízo para a Irmandade.
m) Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Irmandiña.

 

Artigo 24 – Constitución da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, mais, en todo caso, coa presenza da/o presidenta/e ou vicepresidenta/e e a/o secretaria/o ou membro da Xunta Irmandiña que a/o substitúa.

Artigo 25 – Acordos

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos aos apartados do «a» ao «g» do artigo 23, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarao a/o presidenta/e, a/o secretaria/o da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 26 – Desenvolvemento das sesións

1.– Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos as/os asociadas/os, incluso ás/aos non asistentes.

2.– As sesións abriranse cando así o determine a/o presidenta/e. Seguidamente procederase por parte da/o secretaria/o á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada. Cando as sesións sexan non presenciais a secretaria/o enviará as actas das asembleas anteriores aos membros e estes manifestarán a súa aprobación ou disconformidade que en todo caso deberá quedar resolta na sesión.

3.– Posteriormente, a/o secretaria/o procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Irmandiña que lle corresponda, procedéndose ao debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 27 – Recursos

Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da Irmandade poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria ante os xulgados da cidade da Coruña, renunciando expresamente os asociados de calquera clase a outra xurisdición ou foro particular ao que tivese dereito.

Artigo 28 – Secretaría

1.– A/o secretaria/o recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace da/o presidenta/e. A/o secretaria/o tamén levará o inventario dos bens da Irmandade nun libro establecido para este efecto.

2.– Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da secretaria/o, cubrirá as súas funcións a vicesecretaria/o se estiver elixido e no seu defecto a/o presidenta/e designará entre os vogais a un que desenvolva esta función.

Artigo 29 – Tesouraría

1.– A/o tesoureira/o recadará e custodiará os fondos pertencentes á Irmandade, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a/o presidenta/e, levará a contabilidade da Irmandade, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da Irmandade así como as contas de resultados e balances.

2.– A/o tesoureira/o ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario quince días antes da celebración da asemblea ordinaria.

Artigo 30 – Vogais

Os vogais terán as seguintes atribucións:

a) Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
b) Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Irmandiña.

Capítulo IV
Réxime económico

 

Artigo 31 – Patrimonio inicial

1.– A Irmandade no momento de iniciar as súas actividades non dispón de ningún patrimonio.

2.– O peche do exercicio económico coincidirá co remate do ano natural.

Artigo 32 – Orzamento

A Irmandade funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de orzamento será elaborado pola/o tesoureira/o da Irmandade, que deberá telo preparado cando menos 15 días antes da Asemblea Xeral Ordinaria, a fin de que poida ser aprobado na mesma.

Artigo 33 – Recursos económicos

A Irmandade manterase dos seguintes recursos:

a) As cotas periódicas das Irmandiñas/os.
b) O patrocinio das Entidades Irmandiñas.
c) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Irmandiña e sexan aprobadas pola asemblea.
d) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
e) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Irmandade.
f) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para asociacións non lucrativas.

 

Artigo 34 – Aprobación das cotas

1.– A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Irmandiña, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrabeis en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da Irmandade.

2.– En casos excepcionais a Xunta Irmandiña poderá condonar as cotas dalgún Irmandiño por falta de recursos, nomeadamente por atoparse en paro ou emerxencia económica persoal ou familiar, sen que lle sexa de aplicación o artigo 8.2.a) do capítulo II dos presentes estatutos.

Artigo 35 – Memoria anual

Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición das/os asociadas/os, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 36 – Acceso ás contas bancarias

Para a disposición de fondos das contas que a Irmandade teña nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta da/o presidenta/e e da/o tesoureira/o.

Artigo 37 – Destino dos recursos

Como entidade sen ánimo de lucro, os recursos obtidos pola Irmandade non poderán ser repartidos en ningún caso entre as/os asociadas/os.

Capítulo V
Do regulamento de réxime interno

 

Artigo 38 – Regulamento interno

1.– O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Irmandiña e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles.

2.– Elaboraranse tamén os regulamentos particulares para que as actividades diferenciadas previstas nos presentes estatutos se desenvolvan de maneira similar en todos os lugares. Con isto preténdese elevar a rango normativo interno as indicacións necesarias para dotar de uniformidad territorial as actividades da Irmandade dos Apañacastañas.

3.– En todo caso, o funcionamento interno da Irmandade estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil, e será de público coñecemento para os asociados.

Capítulo VI
Modificación dos estatutos e disolución da Irmandade

 

Artigo 39 – Modificación dos estatutos

Os presentes estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 40 – Disolución

A Irmandade disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 41 – Liquidación

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociadas/os liquidadores, que xunto a/o presidenta/e e a/o tesoureira/o, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 42 – Beneficiarios da liquidación

1.– O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a integramente a unha asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta Irmandade co seguinte criterio de orde:

a) Fundación O Apalpador, de estar legalmente constituída, ou á Comisión Xestora da devandita Fundación no caso de que se atopase en trámites.
b) A Mesa pola Normalización Lingüística, de estares en activo.
c) Calquera outra que en ausencia correlativa das anteriores designen os liquidadores da Irmandade

2.– O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Irmandade.