Historia

No ano 2001 asina José André Lôpez Gonçâlez un traballo sobre O Apalpador para a revista Vaga-lume órgano oficial da Associação Galega Corredor do Henares. No ano 2006 amplíao nun traballo na web da AGAL titulado O Apalpador: personagem mítico do natal galego a resgate. A partires desa publicación, a Gentalha do Pichel comeza un labor de recuperación do mito do Apalpador e, grazas a eles, tivemos as primeiras noticias do personaxe. No 2008 sumámonos ao labor de recuperación, comezando dun xeito máis ou menos cativo e privado, até que o 10 de febreiro do ano 2010 constituímonos en asociación cultural que se inscribiría no Rexistro de Asociacións o 31 de marzo do mesmo ano. A partir de aí convocamos os Premios Apalpador e o de Cartas ao Apalpador, e decidímonos apostar polo fornecemento a escolantes de material para o traballo nas aulas.

No ano 2008 mercamos o dominio apalpador.com (e outros asociados) e dende ese momento creamos o sitio web do Apalpador. Ao primeiro os contidos eran cativos pero conseguimos ir medrando pouco a pouco. No ano 2009 aparecen as primeiras láminas para colorear e unha brave historia das orixes do Apalpador. Tamén organizamos un pequeno concurso de cartas web ao Apalpador.

Co paso do tempo pensamos en que estaría ben darlle un certo pulo ás iniciativas que se estaban a facer por Galiza adiante e no 2010 convocamos o primeiro Premio para Actividades Escolares e Extraescolares sobre O Apalpador, nel recoñecéronse os traballos de:

  • Anxo Moure
  • Área de Normalización Lingüística do Concello da Coruña
  • EEI A Gándara
  • Obradoiro do Concello do Carballiño
  • CEIP de Silleda
  • CEIP Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras
  • CEIP Pintor Laxeiro, de Vigo

O xurado deste primeiro premio estivo composto por Mercedes Queixas Zas, Manuel Núñez Singala, Xurxo Souto, e Avia Veira como representante da Irmandade. Os premios entregáronse na Casa de Casares Quiroga, na rúa Panadeiras da Coruña o 28 de xaneiro do 2011 no que Miro Casabella ofreceu un pequeno concerto a premiados e público en xeral.

No ano 2011 convocouse de novo o Premio para Actividades Escolares e Extraescolares e como recoñecemento ao seu traballo, que non se limitou só á exposición da figura, senón a propia investigación entre as nenas e nenos do centro, e á súa expansión fora do mesmo, déuselle o Premio Apalpador para Actividades Escolares ao:

  • CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela

E como recoñecemento ao que supón que un grupo de mulleres cantareiras, do nivel e a forza humana delas, sacase en disco a canción do Apalpador e pola utilidade de ter unha versión tan marabillosa da mesma, o Premio Apalpador para actividades extraescolares foi para:

  • Malvela

Ao tempo se lle outorgaron diplomas de recoñecemento a:

  • Asociación Queremos Galego de Marín, polo seu concurso de Cartas ao Apalpador
  • ANPA Airiña de Allariz, polo seu concurso de postais
  • Concello de Castrelo de Miño, por dedicarlle ao Apalpador a última das feiras temáticas tradicionais do ano 2011
  • Cooordinadora de equipos de Normalización Lingüística, en representatividade de todos os traballadores dos ENDL que tanto fixeron e fan pola recuperación do noso personaxe

E se nomearon Irmandiños de Honra a:
Manuel Núñez Singala, Mercedes Queixas Zas e Xurxo Souto Eiroa, pola súa colaboración na edición do I Premio.
Kiko Novoa e Isabel Freire, estensivo aos seus equipos, pola difusión do Apalpador no seus espazos radiofónicos Galicia por Diante e Coñecer Galicia da Radio Galega.

No ano 2012 premiouse como recoñecemento ao esforzo integrador implicando a outras asociacións de veciños e aos centros educativos das súas contornas, facendo un incríbel labor de espallamento nunha cidade do tamaño da Coruña, o Premio Apalpador para Actividades Extraescolares a:

  • Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto, facendo partícipes ás outras asociacións pola súa colaboura: Oza-Gaiteira e Palavea.

Do mesmo xeito, polo seu entusiasmo, pola súa ilusión e pola proxección do seu traballo nun pequeno concello e dende unha biblioteca pública, premiouse á:

  • Biblioteca municipal de Agolada

Tamén se lle recoñeceu o traballo de todos e todas as docentes do colexio e, sobre todo, o entusiasmo, curiosidade e implicación dos alunos e alunas de idades tan pequenas coa figura do Apalpador:

  • CEIP Mosteiro-Bembrive, de Vigo

Tamén se nomeou Irmandiño de Honra a un curioso personaxe ficticio do IES Monte Neme de Carballo, presidente do seu clube de lectura Ourizos do Monte:

  • Erik, o ourizo do Monte

No ano 2013 decidiuse mudar os criterios dos premios e, pretendendo que sobre todo os escolares recuperasen os vellos costumes epistolares, convocouse o Premio de Cartas ao Apalpador, para o que se adquiriu unha caixa de Correos, o Apartado 7070, co fin de recibir todas as cartas que se quixesen escribir ao Apalpador e premiar as máis significativas. O premio continúa até o día de hoxe, aínda que o houbo que prescindir do apartado.

2013

Unha nena de 9 anos, que pediu un doante de médula para unha amiga con leucemia. (Por mór da privacidade da amiga, a Irmandade dos Apañacastañas decidiu non facer público o nome da premiada pero recibiu os seus agasallos).
María Guerra Sandoval, do CEIP Amaro Refojo de Verín
Noa Sobrino Lamas, do CEIP Amaro Refojo
Tamara, de Agolada (Carta enviada como actividade da Biblioteca)

2014

Mateo Ramos Rega, do CEIP Castro de Ouro de Alfoz
Samuel Acebo Rega, do CEIP Castro de Ouro
Aroa Lomba Rodríguez, do CEIP As Solanas da Guarda

2015

Brais Baldomero Castromán, do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, Ribeira
Dani Marín Reyes, do CEIP Heroínas de Sálvora
Naia González García, do CEIP Heroínas de Sálvora
Alba, Íria, Lucas, Pablo e Sonia, do CEIP de Randufe de Tui
Alba Rodríguez Serodio, do CEIP de Randufe
Vera Márquez Álvarez, do Colexio A Sangriña de Tomiño
Miguel Vázquez Iglesias, do CEIP Albino Núñez de Ourense
Colectiva dos dazasete nenos do CEIP de Vilatuxe, Lalín

2016

Mariela, Bos Aires (particular)
Colectiva dunha clase de infantil do CEIP de Tebra, Tomiño
Sebas Posada, do CEIP de Tebra
Alba Refojos, do CEIP de Tebra
Xoel Álvarez, do CEIP de Tebra
Antía Alonso, do CEIP de Tebra
Alicia Torres de 5 anos, de Pontevedra (particular)
Alejandro Malvido, do CEIP Seara de Moaña
Aissatou Diedhiou, do CEIP Profesor Albino Núñez, de Ourense
Naiara Ferreiro, do CEIP Profesor Albino Núñez
Tomás, do CEIP de Pontecesures
Blas, do CEIP de Pontecesures

No 2017 mudamos o noso dominio de referencia a apalpador.gal, que xa se podía utilizar dende 2014 aínda que non estaba configurado como principal. Aproveitamos a ocasión para facer a remodelación do sitio web no que ademais doutra apariencia, refixemos os contidos, incluímos unha relación de profesionais que traballan espectáculos e actividades co Apalpador e, seguindo na nosa liña de apoio a todas e todos os implicados na educación, duplicamos o número de láminas sobre fauna, flora, preescritura…